Sunday 28 de April de 2024

As crianzas da educación infantil recibiron os seus agasallos polas Letras Galegas


Na xornada deste 31 de maio procedeuse co repartimento de agasallos ás e ós escolares da educación infantil pola súa participación no xogo de colorear, debuxar ou aplicar calquera tipo de técnica plástica a unha silueta de Xela Arias impresa sobre papel; unha actividade adscrita á programación organizada pola Concellaría da Cultura da Pobra do Caramiñal para a celebración das Letras Galegas neste 2021.

A concelleira da Cultura, Patricia Lojo (PSdeG-PSOE), e a técnica municipal desta área, Fita Sanisidro, efectuaron a entrega dunha mochila, dun mandil e dun estoxo para decorar con pinturas para cada nena e neno do EEI Fernández Varela, do Monte Carmelo, e das unitarias do Vilariño, A Granxa e A Angustia.

As siluetas da poeta personalizadas polas crianzas serán expostas na casa da cultura Raquel Fernández Soler.

No que respecta ós obsequios para o estudantado da primaria e mais do instituto pobrense, o sorteo realizarase nos próximos días.